PMUS NARÓN – PARTICIPACIÓN PÚBLICA
¿Que é un Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS)?
Un PMUS é un conxunto de actuacións que teñen como obxectivo a implantación de formas de desprazamento máis sostibles (camiñar, bicicleta e transporte público) dentro da cidade. É dicir, de modos de transporte que fagan compatibles crecemento económico, cohesión social e defensa do medio ambiente, garantindo desta forma unha mellor calidade de vida para os cidadáns.
¿Cales son os eixos estratéxicos do PMUS de Narón?
O modelo de mobilidade de Narón basearase nos seguintes eixos estratéxicos:
- a mobilidade segura
- a mobilidade sostible como instrumento de integración e cohesión social
- a mobilidade equitativa en calquera circunstancia, e en todas as etapas vitais
- a mobilidade eficiente, optimizando os recursos ambientais e económicos
¿Como pode mellorar a mobilidade?
Preténdese relacionar os problemas de mobilidade e accesibilidade coa distribución da cidade actual, a expansión urbana e a distribución de potenciais centros de atracción. E a implementación do PMUS é unha ferramenta para reducir o impacto negativo dos transportes (tráfico e conxestión) e que ten como obxectivo modificar a cota daqueles máis eficientes: transporte público, bicicleta ou marcha a pé, cos seguintes beneficios:
- Diminución da conxestión do tráfico e os seus efectos (ruído, contaminación atmosférica, contribución ao efecto invernadoiro e accidentes).
- Diminución do consumo de enerxías non renovables, promovendo o consumo de enerxías máis limpas.
- Redución dos tempos de viaxe.
- Mellora dos servizos de transporte público, e aplicación de novas tecnoloxías á súa xestión:
· sistemas de axuda á explotación (SAE): seguimento e control das flotas, e comunicación interactiva co usuario;
· sistemas de información ao viaxeiro (SIV): información nas paradas ou aplicación (APP).
- Recuperación do espazo público sostible.
- Mellora das condicións de accesibilidade para todos os habitantes.
- Mellora da calidade do medio ambiente urbano, da calidade de vida e polo tanto da saúde dos naroneses.
¿Por que é importante a PARTICIPACIÓN da cidadanía no PMUS?
O Concello de Narón considera necesario dispor dun PMUS que permita planificar e organizar a mobilidade no noso concello nos próximos anos, cun enfoque claro cara á sustentabilidade. Toda a poboación vese afectada polo sistema de transportes, aínda que certos colectivos son especialmente máis sensibles: as persoas con mobilidade reducida, os nenos, os maiores, os desempregados e aqueles con recursos económicos máis escasos; polo tanto resulta imprescindible involucrar á cidadanía no PMUS, xa que o seu éxito será de todos, e dependerá de:
- Coñecer os problemas da mobilidade dende o punto de vista do cidadán.
- Enfocar a resposta aos retos da mobilidade tendo en conta as inquietudes da cidadanía.
- Involucrar á poboación no desenvolvemento do Plan de Mobilidade: serán fundamentais os seus hábitos á hora de moverse.
¿Quen pode e debe formar parte do proceso participativo?
Coas aportacións de todos os axentes involucrados no proceso participativo, e o consenso dos seus distintos intereses por parte do equipo técnico redactor, acadarase un mellor resultado do PMUS: Gobernos e autoridades (Administracións e autoridades responsables do transporte público; servizos técnicos municipais: tráfico, seguridade cidadá, sociocomunitario, cultura, Padroado de Deportes, servizos externos, urbanismo, medioambiente...), empresarios e operadores (operadores dos servizos, transportistas, asociación de taxistas, e axentes económicos) e cidadanía en xeral (a poboación, as asociacións locais e veciñais, as comunidades educativas, as asociacións de persoas con diversidade funcional, as asociacións ecoloxistas...).
¿Como podo participar no PMUS NARÓN?
Achegando as aportacións, propostas concretas, ou suxerencias e preocupacións que cada cidadán considere oportuno ben de xeito individual, ben mediante propostas colectivas dende cada asociación, agrupación, colectivo, ou organización, para a súa avaliación polo equipo de traballo redactor do PMUS.