Creación dun CIM (Centro de Información á muller)
Os centros de información á muller (CIM) son aqueles recursos de carácter permanente desde os cales se articula unha intervención global dirixida ás mulleres e que proporcionan asesoramento xurídico, atención psicolóxica, orientación profesional e sociolaboral, así como calquera outra información encamiñada á consecución da igualdade efectiva entre mulleres e homes. Desta maneira a funcións destes espazos é a de prestar atención e asesoramento a aquelas mulleres que o demanden, de forma individual ou colectiva, formando parte dun grupo ou asociación de mulleres, así como a calquera persoa, en asuntos relacionados coa promoción social da igualdade de xénero.
Ademais os CIM tamén prestan axuda a fillos ou fillas de mulleres maltratadas e cobren tamén necesidades de asesoramento de toda clase a outro colectivo discriminado e que precisa de políticas reais para a inclusión total na nosa sociedade: o colectivo LGBT+.
O centro de referencia en Narón é o de Ferrol, onde un 40 % do total das mulleres atendidas son de Narón. É o momento de que a oitava cidade de Galiza teña un CIM que se achegue á veciñanza de Narón para darlle servizo tanto ás mulleres do urbano como ás mulleres do rural, que moitas delas non se achegan a Ferrol por descoñecemento ou polo seu alonxamento.