Efectos do cambio do sistema de carga no contrato de recollida de lixo.
O prego técnico di que “Se aposta pola introdución do sistema de carga lateral mono-operado para a práctica totalidade do Concello”, sen máis explicacións e sen xustificar a rendibilidade do investimento necesario en maquinaria e equipamento, que ascende a 3,4 millóns de euros (a amortizar nos 10 anos de contrato propostos). Analizamos a continuación as implicacións funcionais dos cambios no sistema de recollida:
· Man de obra: Non se reduce a necesidade da man de obra porque, aínda que no camión de carga lateral só vai o condutor, require doutra persoa que, cun coche auxiliar (o que implica gastos adicionáis), vai diante recollendo bolsas de residuos depositadas fora dos contedores e apartando posibles obxectos que impidan operar ao camión; persoa que antes facía o mesmo, pero ía co camión, e que tamén achegaba os contedores para a súa descarga.
· Tempos de recollida e percorrido: son maiores coa carga lateral, pois os camións de carga traseira coa axuda do peón son máis rápidos.
· Accesibilidade: segundo o tipo de contedor, adoitan ser de apertura máis simple e accesible.
· Ruído: redúcese xa que os contedores non se arrastran polo chan e o camión adoita ser máis silencioso.
· Contedores: permite contedores de maior capacidade, o cal só supón unha vantaxe en lugares de alto volume de residuos (moitas vivendas xuntas) e que actualmente esixen de varios contedores iguais para dar cabida a todos os residuos entre recollidas. Con todo, o feito de empregar contedores de maior capacidade non debería de implicar unha diminución significativa do número de puntos de recollida, xa que se trata de ofrecer un servizo próximo ao cidadán.
· Localización dos Contedores: ademais de ter que adaptar algunhas bases para os novos contedores ou ter que eliminar as suxeicións dos vellos tamén está o condicionante de que todos os contedores deberán de estar no lado dereito do sentido de avance do camión, nun só lado no caso de rúas dunha soa dirección ou nas que o camión só faga o recorrido nunha dirección, o cal pode ser un problema en bastantes casos.
· Puntos de recollida: redúcense para a fracción resto ao 63 % e ao 60% o de envases, fixando a condición de que os usuarios non deban andar máis de 100 metros ata o máis próximo. Esta redución pode estar parcialmente xustificada pola eliminación de contedores duplicados nun mesmo punto de recollida debido ao seu menor tamaño, pero dificilmente explícase unha baixada do 37%. Os puntos de recollida selectiva xa son escasos actualmente fronte á fracción resto (43% envases, 15% papel/cartón e 12% vidro), o cal provoca protestas e desincentiva á reciclaxe, e, en lugar de aumentar, vai sufrir unha forte redución (40%) para os envases, algo que non vai contribuír a alcanzar os obxectivos fixados pola lexislación.
· Frecuencias de recollida: As variacións destacadas son unha redución ao 50% na fracción resto da zona urbana, manténdose aproximadamente igual nas restantes zonas e, en consecuencia, prevese un posible incremento dos malos cheiros (ao pasar a recoller cada dous días en lugar de diariamente) e de reboses, pois a frecuencia redúcese á metade pero a capacidade dos contedores non se duplica senón que crece só nun 66 %. Nas recollidas selectivas aumenta, excepto na zona rural que se reduce á metade sen xustificación coñecida, duplícase na zona urbana e triplicase na semiurbana e polígonos, aínda que non parece que ofreza ningunha vantaxe práctica dado que as capacidades tamén se incrementan e estes materiais non adoitan xerar cheiros ou outras molestias como a fracción resto; é máis, podería verse como un gasto innecesario de recursos e combustible.
Á vista do exposto, podemos concluír que as únicas vantaxes significativas da proposta son unha certa mellora na accesibilidade e a diminución do ruído na recollida, melloras que non xustifican os sobre custos que comporta o cambio.