CANCELAR
ACEPTAR

Partido Popular: Aprobación dun Plan Municipal de Accesibilidade para o Concello de Narón.

José Francisco Faraldo Rodríguez 16 de agosto de 2022 17:06

Coa aprobación do Real Decreto Lexislativo 1/2013, de 29 de novembro, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, que derroga a Lei 51/2003, de 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade, España continúa a manter a tendencia asumida coa norma de 2003. A devandita norma establece dúas estratexias de intervención, que converxen de xeito progresivo: son a loita contra a discriminación e a accesibilidade universal. Enténdese a accesibilidade universal na norma como “a condición que deben cumprir as contornas, procesos, bens, produtos e servizos, así como os obxectos ou instrumentos, ferramentas e dispositivos para ser comprensibles, utilizables e practicables por todas as persoas en condicións de seguridade e comodidade e da maneira máis autónoma e natural posible”. Presupón tamén a estratexia de “deseño para todos” e é entendida sen prexuízo dos axustes razoables que se deban adoptar. O incumprimento dos principios de accesibilidade universal e da obriga de realizar axustes razoables son considerados pola norma como supostos de discriminación e, máis concretamente, como supostos de violación do dereito á igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade. O Concello de Narón carece dun plan municipal de adaptación á Lei 10/2014, do Parlamento de Galicia, de accesibilidade. O seu obxecto é garantirlles ás persoas con discapacidade a igualdade de oportunidades en relación coa accesibilidade universal e co deseño para todos respecto dos contornos, procesos, bens, produtos e servizos, así como en relación cos obxectos ou instrumentos, ferramentas e dispositivos, de modo que estes se fagan comprensibles, utilizables e practicables por todas as persoas, en igualdade de condicións de seguridade e comodidade e do xeito máis autónomo e natural posible. Por iso, entendemos que se fai necesaria a elaboración dun plan municipal de accesibilidade para levar a cabo diferentes proxectos por barrios para facer as adaptacións que sexan precisas para cumprir coa normativa de accesibilidade e, ao mesmo tempo, poida servir para pór en marcha un ambicioso programa que permita beneficiar a economía local e reactivar o emprego. Esta oportunidade viría dada polo propio PMUS para poder participar no reparto de fondos “Next Generation” e permitiríalle ao Concello avanzar no cumprimento das normas de accesibilidade e así construír un concello accesible para todas as persoas de mobilidade reducida.

Por todo o anterior, solicitamos:

A elaboración dunha ordenanza que estableza un plan de accesibilidade por barrios, que dea prioridade ás actuacións no viario, en beirarrúas, prazas, edificios públicos e nos espazos de utilidade pública.

Que se establezan axudas públicas para que as vivendas poidan ser adaptadas ao cumprimento da normativa de accesibilidade e permitir así que sexan utilizables e practicables por todas as persoas en igualdade de condicións de seguridade e comodidade e do xeito máis autónomo e natural que lles sexa posible.  
 
COMENTARIOS
Enviar
Cancelar
Guardar
Сomentario
An error has occurred. Refresh the page and try again
Ha ocurrido un error mientras se cargaba el archivo. Por favor, intentelo de nuevo